Monday 29 de April de 2024

A corporación de Lousame aproba por unanimidade un manifesto institucional en favor da eliminación da violencia de xénero


 

A alcaldesa rexeitou unha moción de Terras de Lousame, que pedía a información que houbese na Xunta sobre a instalación dun crematorio, porque “en Lousame hai un tanatorio, non hai ningún crematorio nin hai presentado proxecto ningún”

O pleno municipal de Lousame aprobou por unanimidade dos tres grupos presentes (PP, PSOE e Terras de Lousame) unha manifesto institucional en favor da eliminación da violencia de xénero. Tomando como base a moción presentada polo grupo municipal do Partido Popular, os outros dous grupos engadiron cadanseu punto á moción, de xeito que foi aprobada como moción conxunta.

A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, deu lectura ao manifesto no que “instamos tanto ao Goberno do Estado como á Xunta de Galicia a incrementar os fondos destinados aos concellos para combater a violencia de xénero”. Unha petición á que o voceiro socialista, Julio Paradela, engadiu “que o Goberno continúe impulsando medidas dentro do Pacto de Estado”; e á que a concelleira de Terras de Lousame, Lucía Rodríguez, sumou “instar ao Concello á creación dunha rede de apoio social para prestar axuda ás vítimas da violencia de xénero”.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, indicou que “o que estamos pedindo é a colaboración de todos, o que queremos é sumar esforzo”. Así mesmo, Villaverde Pais explicou que “a Subdelegación do Goberno nos fixo saber que a Mesa Interdepartamental contra a Violencia de Xénero de Lousame está traballando moi ben e compartindo información entre todos os participantes: centro de saúde, colexio, forzas de seguridade, traballadoras sociais… o que permite detectar riscos e promover actividades que permitan minorar condutas que leven á violencia. Porque hai que corrixir eses graos menores e que certas actitudes ou comentarios non se acepten como normais”.

Por outra banda, o Pleno aprobou cos votos a favor do Partido Popular e as abstencións de PSOE e Terras de Lousame dous recoñecementos extraxudiciais de crédito: un de 6.967,45 euros para o abano de facturas de telefónica e outra de 1.451 euros para o pago de pequenos gastos (un monitor, un ordenador, un frigorífico pequeno e dous móbiles).

Mocións

Na quenda de mocións as dúas presentadas por Terras de Lousame non pasaron o trámite de urxencia. A primeira, que pedía a difusión das convocatorias plenarias entre a cidadanía, porque “xa o estamos facendo”, xustificou a alcaldesa Teresa Villaverde. Na segunda pedían á Consellería de Sanidade o envío ao Concello de Lousame de toda a información sobre os trámites realizados dende a empresa que xestiona o tanatorio de Lousame para a instalación dun crematorio.

Tanto PP como PSOE non aceptaron a urxencia da moción xa que, como explicou Teresa Villaverda, “a Sanidade teríamos que ser nós quen lle transmitira información. Cando unha petición de licenza chega ao Departamento de Urbanismo, se necesita de informes sectoriais, se remite aos departamentos correspondentes. En Lousame non hai proxecto ningún, como llo imos enviar á ningunha Consellería”. A alcaldesa insistiu en que “en Lousame hai un tanatorio, non hai ningún crematorio nin hai presentado proxecto ningún”.